3 de julio de 2007

EMIGRACIÓN CONVOCA AS BOLSAS UNIVERSITARIAS E DE POSGRAO PARA ESTUDANTES DE ORIXE GALEGA RESIDENTES NO EXTERIOR

Santiago de Compostela - 03/07/007

- O orzamento destinado ás dúas modalidades de bolsas sitúase en 390.000 euros, un 22% máis que na anterior convocatoria.

- O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 20 de Setembro do presente ano.

A Secretaría Xeral de Emigración convocará ao longo deste mes dous programas de bolsas, un dirixido a universitarios de primeiro e segundo ciclo, e outro a universitarios de terceiro ciclo e de posgrao, aos que poderán concorrer aqueles estudantes de orixe galega residentes no exterior que desexen completar a súa formación nalgunha das tres universidades galegas. As bolsas terán como finalidade axudar a sufragar parte dos gastos académicos derivados dos estudos, da estadía e manutención e da viaxe de ida e volta entre o lugar de residencia no estranxeiro e a comunidade autónoma de Galicia.

O primeiro dos programas convocados pretende que os estudantes residentes no estranxeiro poidan realizar estudos de 1º e 2º ciclo que deriven na obtención dunha titulación universitaria de carácter oficial e validez nacional en calquera das tres universidades de Galicia. Búscase que estes mozos e mozas poidan formarse no eido cultural e educativo galego, dentro das súas institucións académicas, para que posteriormente desenvolvan o seu labor profesional, ao mesmo tempo que se contribúe ao fortalecemento das súas orixes galegas.

O segundo programa de bolsas está dirixido a axudar a sufragar os gastos derivados da realización de estudos de terceiro ciclo (etapa de formación) así como da realización de estudos universitarios oficiais de posgrao que conducen á obtención do título de Máster. Estes estudos permiten adquirir os coñecementos necesarios para o exercicio de actividades profesionais nos ámbitos da especialización correspondente.

A Secretaría Xeral de Emigración pretende fomentar a especialización académica, a profesionalización e a iniciación á investigación das persoas con titulación universitaria residentes no estranxeiro, tendo en conta a oferta de estudos de terceiro ciclo e de programas oficiais de posgrao que proporcionen as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Poderán solicitar estas axudas os galegos, as persoas de orixe galega e os seus descendentes ata segundo grao, que cumpran os requisitos, no caso de solicitar a bolsa de nova adxudicación, de ter residencia no estranxeiro e estar admitidos no curso 2007-2008 nunha titulación de carácter oficial e validez nacional de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, ou nun dos programas oficiais de posgrao, impartidos nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo.

O orzamento establecido para os programas de bolsas será de 390.000 euros. Para a concesión das bolsas previstas no primeiro programa destinarase un total de 240.000 euros. Para a concesión das bolsas previstas no segundo programa destináranse un total de 150.000 euros, un 50% máis ca o ano anterior.

Prazo límite

Cada bolsa concedida contará cunha axuda máxima de 6.000 euros, destinada a sufragar os gastos académicos derivados dos seus estudos, da estadía e manutención. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 20 de setembro de 2007.


(Noticia extraida de "SICE Prensa & Comunicación")

No hay comentarios: